Unha proba multitudinaria no Tour Mariña

Ago 09, 2018

A Run Foz Run podería superar os 600 participantes, sendo unha referencia na comarca . A proba, sétima do circuíto Tour Mariña, encherá de colorido as rúas principais da vila.

A Carreira Popular Run Foz Run camiña con paso firme cara aos 600 participantes, converténdose unha vez máis nunha das probas de maior calado na comarca mariñá. A falta aínda de dous días (mércores e xoves) para o peche das inscricións, a listaxe de apuntados superaba xa os 550 deportistas entre a andaina solidaria, as categorías de menores e a carreira absoluta. Esta competición, organizada polo club Ría de Foz, coa colaboración do Concello focense, está incluída no circuíto Tour Mariña, que promoven O Progreso e a firma Championchip, que ademais exerce de cronometradora da proba.

A demanda de participantes que ten a carreira focense, que tamén ten que ver coa gran cantidade de visitantes que hai no municipio durante o verán, fai que algunhas das categorías pechasen xa a súa inscrición, algo pouco habitual. Así, a categoría masculina dos máis pequenos, a de Pícaros, non admite xa máis apuntados ao contar xa cos 50 que era a cifra límite. Tamén chaman a atención os máis de 300 inscritos para a proba absoluta, que encherá as principais arterias da vila dun gran colorido.

As actividades previas ás probas deportivas arrincarán o sábado, no colexio Martínez Otero, onde se celebrará a Feira do Corredor, a partir das 18,00, e cunha andaina solidaria, programada para as 19,00 horas, pechándose con música e un DJ.

Os pratos fortes chegarán o domingo, a partir das 10,00 horas, cando se dará a saída á proba de pícaros, que serán os máis jovencitos en participar (nacidos no 2011 e anos posteriores), e que percorrerán unha distancia de 150 metros. As seguintes carreiras en ir saíndo serán as de benjamines (800 metros), alevíns (1,000 metros) e infantís e cadetes, que cubrirán un circuíto de 1,500 metros.

A saída para os participantes na proba absoluta terá lugar ao redor das 11,00 horas, cun trazado de 7 quilómetros que partirá do colexio Martínez Otero e que se desenvolverá polas principais vías de Foz.

INSCRICIÓNS. A organización lembra aos afeccionados que aínda teñen a posibilidade de apuntarse ata mañá, na páxina web www.championchipnorte.com.